Traballo de fin de máster

Normativa
Defensa de TFM
Datas de entrega

Reglamento do traballo fin de máster

Máster Universitario en Bioinformática para Ciencias da Saúde (MUBICS)

*Aprobado pola Comisión Académica o 27 de maio de 2025

  1. Natureza do Traballo Fin de Mestrado (TFM) do Mestrado en Bioinformática para Ciencias da Saúde (MUBICS)

    • Artigo 1.1. Os estudos do Mestrado Universitario en Bioinformática para Ciencias da Saúde rematan coa elaboración e defensa dun Traballo Fin de Mestrado (TFM). Conforme á normativa da UDC, para defender o TFM deberán terse superados os créditos correspondentes ao resto de materias incluídas as de complementos formativos.
    • Artigo 1.2. O TFM será un traballo orixinal, realizado individualmente, defendido ante un tribunal universitario e consistente nun proxecto integral do ámbito da bioinformática de natureza investigadora ou profesional, que desenvolva os contidos formativos recibidos e sintetice as competencias adquiridas nas ensinanzas.
  2. Obxectivos e responsabilidade do regulamento

    • Artigo 2.1. O presente regulamento ten por obxecto establecer a normativa relativa á definición, asignación, realización, defensa, avaliación e tramitación administrativa dos TFM das ensinanzas oficiais desde Mestrado.
    • Artigo 2.2. A responsabilidade do presente regulamento corresponde á Comisión Académica do Mestrado en Bioinformática, que velará polo seu cumprimento e resolverá as cuestións que xurdan no seu desenvolvemento.
    • Artigo 2.3. O contido deste regulamento complétase co resto da normativa e dos procedementos en vigor.
  3. Comisión Xestora dos TFM

    • Artigo 3.1. Para unha axilización dos trámites relacionados co TFM, a Comisión Académica poderá delegar nunha Comisión Xestora dos TFM as tarefas de asignación de propostas, resolución de solicitudes de anteproxectos, designación dos tribunais, autorización de defensas e outras que a Comisión Académica considere axeitadas.
    • Artigo 3.2. A Comisión Xestora dos TFM estará formada por:
      1. Presidente: o coordinador ou coordinadora do MUBICS.
      2. Secretario: o secretario da comisión
      3. Vogais: a persoa que coordina a materia de Prácticas de Empresa no MUBICS e ata seis persoas nomeadas pola Comisión Académica que pertenzan, preferiblemente, ao profesorado das materias obrigatorias da titulación.
      4. A Comisión Xestora poderá solicitar asesoramento externo cando o estime oportuno.
  4. Condicións de matrícula e de asignación do TFM

    • Artigo 4.1. O TFM aparece asignado no plano de estudos ao segundo curso do MUBICS co obxectivo de que os estudantes poidan desenvolvelo despois de cursar a maioría dos créditos correspondentes ás outras materias.
    • Artigo 4.2. Autorizarase a asignación dun TFM só cando ao estudante lle queden, como máximo, 66 créditos ECTS para rematar os estudos do MUBICS.
  5. Dirección

    • Artigo 5.1. A dirección dun TFM poderá realizala ata un máximo de tres persoas con titulación de mestrado (ou equivalente) ou superior que cumpran calquera das condicións seguintes:
      1. Que forme parte dun departamento con docencia no MUBICS
      2. Que pertenza a unha empresa, a unha entidade ou a un centro tecnolóxico que colabore coa organización ou docencia do MUBICS.
    • Artigo 5.2. Polo menos unha das persoas que exerza a dirección dun TFM deberá ser membro do persoal docente e investigador de calquera departamento con docencia no MUBICS, para desempeñar as funcións de codirección académica.
    • Artigo 5.3. Son funcións das persoas que exerzan a dirección dun TFM:
      1. Expoñer ao estudante as características do traballo e orientalo no desenvolvemento deste.
      2. Realizar un seguimento do desenvolvemento do TFM e velar polo cumprimento dos obxectivos fixados.
      3. Autorizar a defensa do TFM cando se considere que está rematado e que cumpre os requisitos académicos esixidos.
  6. Propostas, oferta e asignación do TFM

    • Artigo 6.1. As entidades colaboradoras, os profesores e os estudantes poderán propoñer o desenvolvemento de TFM. Todas estas propostas conforman a oferta de TFM. Por entidades colaboradoras enténdese aquelas institucións, empresas e centros tecnolóxicos que colaboran na organización ou docencia do Mestrado. Cada proposta incluirá o título, unha descrición mínima e a referencia das persoas que asumirán a dirección, podendo ir acompañada dunha descrición máis detallada do traballo. A Comisión Xestora establecerá un calendario que garanta a publicación da oferta con antelación suficiente para que o alumnado dispoña do tempo necesario para realizar e defender o traballo no período previsto.
    • Artigo 6.2. As propostas de profesores e entidades colaboradoras pasarán a conformar a oferta libre. A asignación das propostas desta oferta farase segundo as preferencias dos estudantes e, en caso de conflito, segundo o expediente académico. 
    • A asignación deberá realizarse garantindo a igualdade de oportunidades entre o alumnado para optar ás propostas e entre o profesorado para ofertar temas e asumir direccións. 
    • Artigo 6.3. A Comisión Xestora garantirá que a oferta sexa suficiente para cubrir a demanda de estudantes que cumpran as condicións requiridas para solicitar a asignación dun TFM. A asignación deberá realizarse garantindo a igualdade de oportunidades entre o alumnado para optar ás propostas e entre o profesorado para ofertar temas e asumir direccións. 
  7. Anteproxecto de TFM

    Presentación do anteproxecto

    • Artigo 7.1. Os estudantes presentarán ante a Comisión Xestora, no prazo que se determine, un anteproxecto de TFM que debe incluír:
      1. Os datos do estudante e a súa sinatura.
      2. O nome, entidades e aceptación das persoas que van a exercer a dirección.
      3. As direccións de correo electrónico tanto do estudante como das persoas que asinan a dirección do anteproxecto.
      4. O título do TFM en inglés, castelán e galego.
      5. Un resumo do traballo a desenvolver, incluíndo a descrición, a motivación, os obxectivos a acadar e as ferramentas a utilizar.
    • Artigo 7.2. Haberá tres prazos de presentación de anteproxectos, que se aprobarán anualmente.

    Resolución do anteproxecto

    • Artigo 7.3. A Comisión Xestora debe garantir que os estudantes cumpran as condicións administrativas esixidas e que os anteproxectos teñen natureza profesional ou investigadora, que se corresponden coas competencias adquiridas nas ensinanzas, que teñen a entidade suficiente para cubrir o créditos ECTS asignados e que se diferencian suficientemente doutros traballos desenvolvidos na titulación, moi especialmente do realizado na materia “Prácticas en Empresa”.

    A Comisión Xestora poderá aceptar un anteproxecto –co que o TFM pasará a ter validez académica e administrativa–, solicitar aclaracións ou modificacións do mesmo, ou rexeitalo.

    Se un anteproxecto non é aceptado, a Comisión Xestora xustificará os motivos e abrirá un prazo de alegacións para presentar, ou ben documentación adicional, ou ben outra proposta.

    Se un anteproxecto non é aprobado despois do prazo de alegacións, o estudante só poderá presentar outro nese mesmo cuadrimestre, que poderá ser unha modificación do anterior.

    Tempo de validez do anteproxecto

    • Artigo 7.4. Un anteproxecto aceptado pola Comisión Xestora terá validez durante dous cursos académicos. Así, se é aprobado nun curso académico terá validez nese curso, e no seguinte ao que se aprobe.

    Modificacións do anteproxecto

    • Artigo 7.5. Un estudante poderá solicitar á Comisión Xestora a substitución dun director do seu TFM, sen cambiar o resto das características xa aceptadas, alegando os motivos que considere oportunos. No caso de aprobarse, o tempo de validez do anteproxecto non se modificará.
    • Artigo 7.6. Un estudante poderá solicitar á Comisión Xestora, co aval das persoas que exercen a dirección, a modificación das características dun anteproxecto xa aceptado. Se a modificación non se considera un cambio importante, como por exemplo o cambio do título, manterase o tempo de validez. Se a solicitude supón unha modificación substancial das características ou dos obxectivos do anteproxecto, deberá considerarse un novo anteproxecto para todos os efectos.
    • Artigo 7.7. Unha persoa que dirixa un TFM poderá renunciar a esta función mediante un escrito á Comisión Xestora no que exporá os motivos da decisión. O alumno deberá iniciar o proceso de solicitude dun novo proxecto.

    Renuncia ao anteproxecto

    • Artigo 7.8. Un estudante poderá solicitar a renuncia a un anteproxecto mediante un escrito dirixido á Comisión Xestora, que decidirá sobre a solicitude.
  8. Tribunais

    • Artigo 8.1. A Comisión Académica nomeará un tribunal por convocatoria, formado por membros do profesorado que impartan docencia no MUBICS no curso académico actual, ou que a impartiron nos dous cursos anteriores. Cada tribunal estará composto por tres titulares e tres suplentes.

    O tribunal dividirase en grupos avaliadores formados por tres persoas, que actuarán como tribunal dun conxunto de TFM, desempeñando as funcións de presidente –a persoa de maior categoría académica e antigüidade–, secretario –a persoa de menor antigüidade– e vogal.

    • Artigo 8.2. Unha persoa que exerza a dirección dun TFM non poderá formar parte do grupo avaliador que cualifique ese TFM.
    • Artigo 8.3. O número mínimo de membros do tribunal que poden avaliar un TFM é de tres, polo que, ante unha situación excepcional, calquera membro dun  tribunal designado para esa convocatoria ou profesor da titulación, poderá formar parte de calquera grupo de avaliación cara a súa constitución como tribunal, se non se presentasen os membros titulares nin suplentes necesarios.
  9. Depósito do TFM

    Períodos e condicións de depósito do TFM

    • Artigo 9.1. A Comisión Académica aprobará os prazos de cada período de depósito dos TFM de acordo co calendario académico.

    Para depositar o TFM, o estudante deberá ter superados os créditos correspondentes ao resto de materias, como se indica no artigo 1.1 e de acordo coa normativa da UDC.

    Ao ser o TFM unha materia do primeiro cuadrimestre, haberá un período de depósito ao remate dese cuadrimestre, e outro ao final do segundo cuadrimestre.

    Para facilitar o remate da titulación e sempre que sexa compatible coa normativa académica da UDC, haberá un terceiro período de depósito do TFM, preferentemente en setembro.

    De forma excepcional e con motivos debidamente xustificados, e sempre que o estudante non teña pendente máis que a superación do TFM para rematar os seus estudos de Mestrado Universitario, poderá defendelo naquelas datas que estableza a Facultade, desde o inicio do curso académico ate a data límite de sinatura e entrega de actas de segunda oportunidade que conste no calendario académico aprobado polo Consello de Goberno; pero respectando sempre o número máximo de dúas oportunidades do que poderá facer uso en cada curso académico.

    Procedemento de depósito

    • Artigo 9.2. Nun dos períodos establecidos ao efecto, o estudante presentará unha solicitude de depósito do TFM, acompañada de:
      1. A autorización da defensa polos mecanismos que estableza a Facultade de Informática.
      2. A memoria en formato electrónico.
      3. O resto de documentos que a Comisión Xestora considere necesarios, no formato que determine.
    • Artigo 9.3. Rematado o período de presentación de solicitudes de depósito, a administración do centro ou o/a coordinador/a do título entregará a documentación ao secretario do correspondente grupo de avaliación do tribunal, que a custodiará ata a súa devolución á administración, e fará chegar unha copia da versión electrónica ao resto dos compoñentes do grupo avaliador.

    Memoria do TFM

    • Artigo 9.4. A memoria constitúe a documentación principal do TFM. Poderá presentarse en galego, castelán ou inglés.

    A estrutura da memoria adoptada e a establecida polo IEEE de doble columna coa recomendación dun máximo de 15 páxinas e un mínimo de 6 páxinas. Á memoria poderán conter como Anexos táboas e figuras que poidan complementar a comprensión do texto, así como facer referencia a repositorios de conxuntos de datos que foron empregados para o traballo.

    As plantillas en diferentes formatos e instrucións poderán consultarse na ligazón do IEEE. https://www.ieee.org/conferences_events/conferences/publishing/templates.html

  10. Defensa

    • Artigo 10.1. O acto de defensa será público e farase no período aprobado pola Comisión Académica, nas datas e horas determinadas polos representantes do tribunal ao que lle corresponda avaliar a dita defensa. De acordo con a normativa da UDC e dado o carácter presencial do máster, a defensa do TFM será de forma presencial. Excepcionalmente e por causa debidamente xustificada, o/a estudante poderá solicitar a defensa da súa TFM nunha modalidade diferente á recollida neste regulamento. Para tal fin, presentará unha solicitude motivada e debidamente acreditada ante o/a decano/a de o centro, quen a resolverá unha vez comprobado que se dan as condicións legais, administrativas, técnicas, económicas ou doutra índole que xustifiquen a modalidade de defensa. 
    • Artigo 10.2. O presidente do tribunal moderará o acto, no que o estudante realizará unha exposición que terá unha duración mínima de 12 minutos e máxima de 20 minuto, á que seguirá unha rolda de preguntas formuladas polos membros do tribunal (máximo 15 minutos). Coa autorización do presidente, poderán tamén realizar preguntas as persoas presentes no acto con igual ou superior categoría á de Mestrado.

    A persoa ou persoas que dirixen o TFM poderán solicitar ao tribunal ser escoitadas, tanto no propio acto, se están presentes, como en sesión privada despois do acto de defensa.

  11. Avaliación

    • Artigo 11.1. Cada membro do tribunal outorgará de maneira individual unha nota numérica baseándose na avaliación do traballo desenvolvido, da documentación presentada e da defensa realizada. Indicará tamén se considera que o TFM é merecedor da mención de matrícula de honra. O tribunal poderá solicitar opinión a persoas que considere expertas na temática dun TFM.
    • Artigo 11.2. A cualificación numérica final será a media aritmética das notas emitidas polos membros do tribunal. O estudante cunha cualificación igual ou superior a 9 puntos poderá acceder á mención de matrícula de honra, sempre que sexa por unanimidade do tribunal.
    • Artigo 11.3. No caso de que un TFM obtivera unha cualificación de suspenso ou equivalente, o tribunal fará chegar ao estudante e ás persoas que dirixiron o TFM un informe razoado cos motivos da cualificación.
  12. Autoría e confidencialidade

    • Artigo 12.1. Segundo a normativa da UDC, a propiedade intelectual dun TFM corresponde ao seu autor ou autora. Poderá existir un acordo específico que estenda esta propiedade de maneira compartida entre a persoa que ten a autoría e calquera das que exerzan a dirección. Sempre que algunha das persoas que exercen a dirección dun TFM o solicite, considerarase que este TFM é confidencial o que fará que non sexa de acceso público.
    • Artigo 12.2. Os traballos unha vez defendidos deberán pasar a formar parte do repositorio institucional da UDC
    • Artigo 12.3. A solicitude de carácter confidencial dun TFM farase constar oficialmente pola persoa interesada, ben na proposta do TFM ou anteproxecto, ben na autorización da defensa, ou en ambas as dúas. Os datos involucrados nun TFM considerado confidencial deberán estar accesibles para os membros do tribunal. Unha vez rematada a defensa poderase solicitar a publicación parcial ou a non publicación do traballo no repositorio institucional da UDC.
  13. Publicación no Repositorio Institucional da UDC

    • Artigo 13.1. Unha vez rematada a defensa, os TFM poderán ser publicados no Repositorio Institucional da UDC (RUC), sempre que non teñan carácter confidencial. Para iso, a persoa autora deberá cubrir un formulario onde se escolle cómo quere difundir o seu traballo. A selección dos traballos poderá estar suxeita a criterios establecidos polo centro. O envío ao RUC será xestionado pola administración do centro ou a coordinación do título, en colaboración co Servizo de Biblioteca. 
  14. Confidencialidade

    • Artigo 14.1.  A confidencialidade dun TFM poderá solicitarse por escrito polo titor/a, polo estudante ou por ambas, dirixindo a petición ó decanato do centro, preferiblemente no momento da proposta ou autorización do traballo, e sempre antes do seu depósito. 
    • Artigo 14.2. O decanato resolverá a solicitude nun prazo máximo de 15 días hábiles, indicando as condicións específicas para a defensa e a publicación. 
    • Artigo 14.3. Durante a realización, depósito e avaliación do traballo, garantirase o acceso completo ao tribunal e a protección da información sensible. A defensa manterá o seu carácter público, podendo reservarse parte do contido cando sexa estrictamente necesario. 
    • Artigo 14.4. Unha vez rematada a defensa, poderá solicitarse a publicación parcial ou a non publicación do traballo no repositorio institucional, segundo o previsto no artigo 13.1. 

Esta páxina web únicamente emprega cookies propias con finalidades técnicas. Non se levan a cabo recompilacións ou tratamentos de datos persoais mediante cookies que requiran o seu consentimento. Coñeza máis sobre as cookies que usamos na nosa Política de cookies.